In Tempore Sueborum, supera os 28.500 visitantes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a exposición In Tempore Sueborum, que organiza a Deputación de Ourense. Acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o titular de Cultura percorreu a mostra que se exhibe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel".

A exposición, que o presidente do goberno provincial cualificou como "unha aposta pola identidade, por ese orgullo de pertenza a un pobo, Ourense e Galicia, protagonista hai 1.600 anos dun momento histórico importante como foi o do primeiro reino medieval de occidente", xa supera os 28.500 visitas.

Baltar, quen agradeceu a visita do conselleiro e o apoio do seu departamento e da Xunta de Galicia "a este proxecto expositivo singular e exitoso", animou aos visitantes que aínda non o fixeron a que se acheguen neste mes e medio que queda para o remate da exposición a que visiten "este auténtico tesouro da nosa historia e da nosa cultura, ámbitos que son e seguirán sendo unha constante na actuación da Deputación de Ourense", e subliñou que nos sentimos "moi ledos de superar no día de hoxe eses máis de 28.500 visitantes que converten a In tempore sueborum na exposición máis importante na historia da provincia de Ourense".

Pola súa banda, Román Rodríguez destacou que a mostra "pon en valor o noso pasado e a nosa historia", e felicitou á Deputación de Ourense polo éxito que está a acadar esta iniciativa "que pon o acento na nosa riqueza patrimonial e cultural dun período moi importante da nosa historia".

f_ depourense.es