Expourense presentou a memoria de actividades do ano 2017, na que se constata a profundización na liña da internacionalización e na cooperación público-privada, factores clave da súa actividade para contribuír a xerar novas oportunidades de negocio ás empresas galegas. A instalación da pista de atletismo cuberta e a posta en marcha de Sportur Galicia, o I Salón do Deporte e Turismo Activo, marcaron sen dúbida a actividade do último ano, convertendo ao deporte e ao turismo deportivo en sectores estratéxicos para a Fundación.
Durante o 2017 Expourense celebrou 11 feiras, 2 das cales (Xantar e Termatalia) foron de carácter internacional o que supón que Expourense organizou a metade das citas internacionais celebradas en Galicia o ano pasado. A presenza de 940 expositores e 89.000 visitas procedentes de 46 países reforza á internacionalización como un dos grandes eixos da actividade de Expourense durante o pasado ano no que o recinto reforzou a súa rede de socios estratéxicos en Europa e América Latina, rede que se estendeu ademais a Oriente Próximo e Asia-Pacífico.
A memoria de actividades de Expourense 2017 foi presentada nun acto no que interviron a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez; o alcalde de Ourense e vicepresidente executivo de Expourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente da CEO, Alejandro Cruz, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. Estiveron acompañados polo resto de membros do Padroado da Fundación Expourense como o director territorial de ABANCA, Rubén Saavedra, ou o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández.
No 2017, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Nas diversas convocatorias, ben complementando ás feiras ou de xeito individual, participaron máis de 300 relatores nacionais e internacionais. Foron seguidas por máis de 10.500 asistentes.
As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha trintena de eventos de distintas entidades públicas e privadas e acolleu catro cursos do Plan de Accións Formativas para Desempregados (AFD), entre outras actividades.