As rutas literarias de Vigo

O "Mapa Literario de Vigo" consiste nunha iniciativa da Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios marcando os fitos literarios das obras. 

Un mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. 

Son dez as liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes "Paradas Literarias", que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.

Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza. 

As rutas están protagonizadas por autores como Julio Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado, Carlos G. Reigosa e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.