A Orde de Amigos da Bota do Viño da Ulla nomea ao presidente da Deputación da Coruña

Durante a tradicional Festa do Viño que desde hai 38 anos se celebra en San Miguel de Sarandón, no cocello coruñés de Vedra, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi nomeado membro da Orde de Amigos da Bota do Viño da Ulla.

O sector vitivinícola da zona vén traballando durante case catro décadas con tesón para dar a coñecer e pór en valor os viños da zona. Un longo traballo que está dando os seus froitos grazas ao esforzo e dedicación dos empresarios e traballadores, que sempre creron nas virtudes do seu produto e apostaron por el, ata conseguir situalo entre os numerosos viños de calidade que na actualidade se producen en Galicia.

"Dende a Deputación queremos felicitar a todos eses pequenos viticultores, herdeiros dunha longa tradición transmitida de xeración en xeración, que están facendo posible que as uvas nacidas das cepas da ribeira coruñesa do Ulla dean o mellor de sí mesmas e contribúan á elaboración de viños suaves, aromáticos e equilibrados, que gozan xa dun merecido prestixio entre uns expertos e consumidores cada día máis esixentes", afirmou o presidente provincial.