Buscar/Hemeroteca

martes, 24 de abril de 2018

A Deputación de Pontevedra presentou en Porto a Campaña Somos Historias

A campaña de promoción turística da Deputación de Pontevedra, "Somos Historia chegou este martes á cidade portuguesa de Porto na súa primeira incursión deste ano no país veciño, despois das presentacións que se fixeron na Feira Internacional de Turismo (FITUR) e no Teatro Rialto da Gran Vía de Madrid.

O acto, celebrado no emblemático Palacio da Bolsa da cidade portuense, consistiu nun encontro profesional con touroperadores, axentes turísticos, representantes institucionais do norte de Portugal e medios de comunicación do eido do turismo para presentar a campaña de promoción de Rías Baixas que o Goberno de Carmela Silva escolleu neste 2018 ao abeiro do Ano do Patrimonio.

En Porto a Deputación de Pontevedra puxo en valor a reapertura do castelo de Soutomaior o próximo mes de maio, co fío condutor da figura de María Vinyals; o patrimonio fortificado e o patrimonio espiritual; as festas de interese turístico da provincia; a gastronomía de Rías Baixas; o Camiño Portugués (cos dous itinerarios), e o enoturismo, xa que Portugal é o sexto país produtor de viños do mundo e tamén é o primeiro consumidor de cantidade e de variedades.

O acto en Porto contou coa condución de Maria Cerqueira Gomes, coñecida presentadora portuguesa e unha das maiores influencers de tendencias de viaxes no norte de Portugal.

No hay comentarios: