A Coruña restaura a Porta de San Miguel

A través da área de Rexeneración Urbana, o Concello da Coruña iniciará esta semana os traballos de restauración da Porta de San Miguel, cunha actuación que, segundo destaca o concelleiro titular da área, Xiao Varela, "pon en valor un símbolo do patrimonio cultural e histórico da cidade e o seu litoral". A obra, que ten un tempo de execución previsto dun mes, comprende a recuperación e consolidación dos chanzos visibles da histórica escalinata, así como o acondicionamento da contorna da porta, que foi obxecto dunha escavación en 2013. 

O responsable municipal explica que a intervención "busca ser efectiva pero, á vez, ter a mínima incidencia posible, xa que non queremos hipotecar ou condicionar intervencións futuras máis extensas que se poidan facer nun ámbito de gran significado simbólico e histórico que representa o estreito vinculo entre esta porta, o Castelo de San Antón e o mar".

A obra tamén comportará unha mellora visual e ambiental, xa que se consolidará, mediante tratamento vexetal, o noiro deixado pola escavación realizada na zona hai cinco anos. Ao longo da súa beira, ademais, instalarase unha varanda, cuxo trazado servirá para salientar a presenza dos elementos máis singulares do foxo de escavación. "Esta varanda non só acoutará o acceso a zona do foxo, senón que servirá de soporte para contemplar este conxunto patrimonial", indica Varela, quen sinala que co obxectivo de "facer máis accesible" este conxunto artístico e histórico, a restauración deste espazo inclúe tamén a colocación dun panel informativo.

A actuación tamén servirá para o acondicionamento da contorna. As arquetas e conducións de subsolo que deixou ao descuberto a intervención arqueolóxica serán debidamente acondicionadas. O plano inclinado do noiro que resultou da escavación será aproveitado á vez para aloxar os proxectores dunha nova iluminación ornamental, que mellorará notablemente a imaxe nocturna desta parte da antiga muralla defensiva da cidade. O importe dos traballos ascende aos 30.000 euros.