482.000 euros para apoiar as confrarías de pescadores coruñesas

En 2018 a Deputación da Coruña destina unha partida económica de 482.000 euros para apoiar as confrarías de pescadores coruñesas mediante dúas liñas de subvencións que financian actividades e investimentos.

O deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, destacou que con estas liñas de axudas o goberno provincial quere seguir apoiando un "sector estratéxico, de grande importancia social e económica en Galicia e particularmente na provincia da Coruña, onde pesca e acuicultura dan emprego a preto de 10.000 traballadores e onde se concentra o 53% da pesca fresca da nosa comunidade, cunha facturación de máis de 173 millóns de euros nas nosas lonxas".

O Boletín Oficial da Provincia publicará mañá xoves, 5 de abril, as bases do programa de subvencións para actividades, cun orzamento de 412.000 euros. A través del, os pósitos coruñeses poden optara axudas de entre 1.000 e 30.000 euros para a contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, alugueiro de maquinaria ou equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo ou contratación de servizos externos, como a vixilancia.

A través da liña de investimentos, cuxas bases foron publicadas no BOP do pasado 2 de abril cunha dotación orzamentaria global de 70.000 €, as confrarías e agrupacións de mariscadoras coruñesas poden optar a axudas provinciais para o equipamento e explotación do frío industrial en lonxas, aplicación de novas técnicas que modernicen o proceso produtivo dos produtos do mar, modernización do equipamento das oficinas ou adquisición de vehículos para mellorar a comercialización ou a vixilancia.

f_ dicoruna.es