A Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega creceu no campo e consolidou as súas cifras de mercado durante o ano 2017. Así o asegurou o seu presidente, Jesús González Vázquez,, ao salientar que ao peche do 2017, as principais magnitudes de Ternera Gallega víronse consolidadas con crecementos no número de animais rexistrados (un 6%), superando por primeira vez as 133.000 cabezas, e de explotacións gandeiras inscritas (un 1,1%), acadando as 8.249 explotacións, a pesar do contexto de descenso de efectivos no rural.
A certificación de carne tamén experimentou un lixeiro incremento (un 0,5%) con máis de 94.000 canais, manifestándose un certo equilibrio entre as categorías Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema. Baixo o amparo da IXP comercializáronse 20.657 toneladas de carne, cifra similar á do anterior exercicio, o que se valora como unha consolidación das cifras de mercado despois de varios anos de crecemento.
O valor económico da carne comercializada, en primeira venda (entre a industria e a distribución), foi de 118 millóns de euros, moi similar ao do ano 2016, xa que tamén foron similares o volume de carne producida e os prezos de mercado. Así mesmo, os prezos en orixe flutuaron moi pouco respecto ao ano anterior e foron bastante estables ao longo de todo o exercicio 2017.
No apartado da industria, o número de matadoiros e salas de despece é casi constante, xa que forman parte da IXP practicamente todas as existentes en Galicia, mentres que o número de comerciais cárnicas varía segundo a dinámica do mercado.
