Preséntase a marca Augas de Galicia

O balneario Termas de Cuntis acolleu a presentación da marca “Auga de Galicia”. É unha iniciativa do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, que aglutina ás dúas asociacións empresariais galegas vencelladas á explotación do recurso: a Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin). A marca conta ademais co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. 

O acto de presentación da marca estivo presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; acompañado do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Participaron tamén Álvaro García de Quevedo, vicepresidente do Clúster; Marisol Espiño, presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia e directora de Termas de Cuntis; Benigno Amor, xerente do Clúster e José Manuel García, vicepresidente de Agamin. 

Dende o Clúster púxose de manifesto a importancia de contar cunha marca que aglutine e visibilice ás empresas de auga mineral e termal da comunidade. “Contribuirá a diferenciar e darlle valor á orixe galega e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais e termais, favorecendo ademais a súa promoción exterior”. Nesta liña, presentouse un vídeo promocional da marca “Auga de Galicia”, no que se salienta que en Galicia “a auga é industria, riqueza, emprego e alimento. Augas mineromedicinais cheas de vida e saúde”. E resaltouse que “a marca Auga de Galicia supón unha garantía e dá seguridade ao consumidor en relación á orixe galega das augas que consume, xa sexa en bebida ou en baño”. 

O conselleiro declarou que “hai que apoiar un sector que xera 1.400 empregos na súa totalidade en Galicia e nestes momentos é unha referencia de calidade e prestixio. E a marca Auga de Galicia vai permitir incrementar o seu posicionamento dende o punto de vista dos mercados, tanto a nivel nacional como internacional. Esta dobre dimensión das augas, minerais e termais, a través da innovación e da internacionalización, posibilitará que o noso sector siga crecendo en empregos e facturación”. 

Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais e, en consecuencia, con maior tradición no seu uso como augas de bebida envasada e en balnearios. Este feito, unido á repercusión social e económica que nas últimas décadas están a ter as augas minerais e termais posibilitan que Galicia sexa considerada como a "Terra da Auga". 

O número de mananciais existentes en Galicia é superior a 300 (algo máis de 2.000 en España), o que deu lugar a unha industria moi activa vencellada á explotación de augas minerais, con 10 plantas de envasado de auga mineral natural (100 en España) e 22 balnearios (115 en España). 

Ademais da presentación da marca “Auga de Galicia”, no transcurso do acto deuse a coñecer a nova páxina web do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, xunto ás melloras na súa aplicación para teléfonos móbiles; resultado dun convenio asinado en 2017 entre o Clúster e a Consellería de Economía. No caso da web, incorporouse un novo aplicativo para a visualización de ortofotos aéreas e modelos en 3D realizados con drons, o que posibilita realizar comparativas entre fotografías aéreas de distintas épocas e facer visualizacións e diferentes tipos de consultas.