Porto-Muíños, premio á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada

Porto-Muíños recibiu o galardón á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, que concede a Deputación da Coruña, dentro dos galardóns da II Edición dos Premios ás Mellores Iniciativas Empresariais da Provincia, nun acto celebrado no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (PALEXCO).

A empresa OpSeeker Tech, con sede en Ames, foi galardoada co distintivo de Mellor Iniciativa Empresarial Nova, mentres que a santiaguesa Dinahosting obtivo o premio á Mellor Iniciativa Socialmente Responsable. Cada unha das premiadas recibiu un trofeo de olería de Buño, un diploma acreditativo e 25.000 euros en metálico.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os galardóns ás tres empresas, das que destacou a "gran capacidade de innovación e unha aposta decidida pola calidade, o fomento de boas prácticas de xestión empresarial, a internacionalización e a aplicación de políticas de responsabilidade social corporativa" 

A esta segunda edición dos premios provinciais ás mellores iniciativas empresariais presentáronse un total de 78 candidaturas de toda a provincia e de ámbitos de actividade moi variados, destacando ás dedicadas ás novas tecnoloxías da información e a programación informático, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio online e alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.

As tres empresas premiadas pola Deputación destacan pola orixinalidade da idea de negocio, as posibilidades de crecemento e expansión e a incorporación de boas prácticas de xestión tanto na inserción laboral das persoas con maior dificultade para atopar un traballo coma na colaboración con asociacións e entidades para promover proxectos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos coruñeses.

En canto a Porto-Muíños, trátase dunha empresa familiar situada en Cerceda que comezou a súa andadura en 1998 comercializando algas. Nos seus primeiros anos, procesábanas para a súa venta en deshidratado e conserva. Actualmente tamén se poden atopar os seus produtos en po, salgadura e en fresco. As súas algas distribúense por toda a xeografía española e en distintos países dos cinco continentes.

Porto-Muíños dedícase tamén á elaboración doutros produtos autóctonos das costas galegas: conservas de ovas de ourizo de mar, fígado de rape, mexillóns con algas ou infusións, entre outros produtos.

Ademais, Porto-Muíños destaca pola súa implicación na conservación da diversidade biolóxica do medio mariño, a súa fonte de subministro. Por este motivo, ten especial coidado na sustentabilidade dos recursos que explota e colabora co Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade da Coruña e co Instituto Oceanográfico de Santander para investigar e desenvolver técnicas de cultivo que contribúan á súa preservación.