O Ribeiro elixe cartel para a súa feira vinícola

O xurado do Concurso de Carteis da 55ª Feira do Viño do Ribeiro reunirase mañá, 8 de marzo, na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2018, que terá lugar na vila ribadaviense do 28 de abril ao 1 de maio. Nesta edición, rexistráronse preto de 190 carteis procedentes do territorio nacional e algúns internacionais. 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia, coorganizadores da feira, repiten a fórmula do concurso para a elección do cartel anunciador da 55ª Feira do Viño. Nesta edición participan artistas de renome, axencias, deseñadores gráficos así como afeccionados que a través deste concurso poderían atopar unha ferramenta para a difusión da súa obra. 

Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 55ª Feira do Viño do Ribeiro conta cun xurado multidisciplinar integrado por profesionais no ámbito das artes, comunicación e deseño gráfico. Ao longo da xornada de deliberación das case 190 obras participantes serán sometidas ao xuízo destes profesionais, resultando a obra gañadora premiada con 1.000€. 

Participan como membros do xurado: Juan Manuel Casares, presidente do C.R.D.O. Ribeiro; María Touza, concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia; Alberto Traversa, de La Alacena Roja; José Ramón Domínguez, de Cepas y Vinos; María Campos, de Hostelería Galega e Turismo; Luis Cividanes, de Benbo; Cristina Álvarez, secretaria de AGAFE (Asociación Gallega de Ferias y Eventos); Jaime Diez, de Incubarte, creatividad multicanal y Luis Estévez, de Oeste Marketing. 

Todas as obras serán sometidas a un proceso de votación por cada membro do xurado, do que resultará, por consenso de todos os membros, a obra gañadora desta edición; O fallo do xurado presentarase aos medios de comunicación o mesmo día ás 14.00 horas e posteriormente se presentará a Feira do Viño do Ribeiro da man dos coorganizadores en diferentes cidades de Galicia.