Nova edición da festa do Petote en Cotobade

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou a Festa do Petote como unha das referencias da cociña de inverno na provincia de Pontevedra. O rexedor amosouse confiado en que a IX Festa do Petote, que se celebrará este domingo 11 de marzo en Carballedo, volva colleitar un novo éxito de público en torno a un cocido de despedida do Entroido no que o tradicional bolo de millo será o gran protagonista e explicou que a asistencia oscilará entre as 350 e as 500 persoas, tal e como sucedeu nos últimos anos.

Cubela quixo animar a todos os veciños da bisbarra das Terras de Pontevedra a que se acheguen a probar “esta exquisitez que salvou da fame a moitas familias especialmente na primeira metade do século XX e que nas nosas terras preparamos de xeito excepcional”. Neste senso, indicou que os convites poden adquirirse de xeito anticipado a un prezo de 15 euros ou incluso o mesmo día da festa, data para a que se reservarán un cento deles.

O presidente quixo agradecer a colaboración da Deputación e nomeadamente do delegado de Turismo, Santos Héctor, que asistíu ao acto de presentación na sede de Rías Baixas en Pontevedra, xunto co concelleiro José Luis Crujeiras e a cociñeira Carmen A de Perdiz, que será a encargada de preparar o completo menú do domingo.

Polo demais, Cubela expresou a súa satisfacción porque no municipio se conserve o legado e a receita do petote, un aspecto compartido só polos termos da Cañiza, Marín e Mazaricos en toda a comunidade, e anunciou que todo o programa de actividades vaise trasladar ao pavillón municipal, ao igual que en anos anteriores, malia que a intención era celebralo na Praza da Chan.