Medio Rural pon a Innolact como exemplo para revalorizar os produtos do agro

A conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, visitou a nova planta que Innolact construída no municipio lugués de Castro de Rei e que supón un investimento superior aos 4 millóns de euros. Deste orzamento, a consellería colaborou cunha subvención de 1,69 millóns, a través da orde de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios de 2016. 

A convocatoria deste ano xa foi publicada en xaneiro cuns fondos de 29,1 millóns de euros, cun aumento de case o 22% respecto ao exercicio anterior. Téñense recibido ata 121 solicitudes, o que suporá un investimento de 173 euros en Galicia. No 2017, a Xunta achegou ata 23,9 millóns de euros a 144 beneficiarios. A conselleira destacou a importancia destas cifras xa que detrás de cada solicitude hai un proxecto de transformación que suporá incrementar o valor dun produto do agro. 

“Temos que crear industrias para que ademais da mellor materia prima, teñamos tamén os produtos xa transformados, cun maior valor engadido”, declarou Ángeles Vázquez. 

Neste sentido destacou os “pasos firmes” que foi dando esta compañía dende a súa creación en 2006 e situouna como “exemplo” non só a nivel nacional, senón tamén internacional xa que exporta o 40% da súa produción. “Están dando resultados grazas á súa aposta pola investigación”, sinalou Ángeles Vázquez. 

A día de hoxe Innolact conta cuns 60 traballadores e 17 socios e no 2017 facturou 11 millóns de euros. Dedícase á fabricación de queixo fresco en crema e de queixo masacarpone.