Lugo conciéncia sobre o cambio climático

O Goberno da Deputación de Lugo inaugurou a exposición sobre o cambio climático e a enerxía, , co apoio de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), que estará aberta ata o vindeiro sábado 24 de marzo no Pazo de San Marcos. 

O martes 20 de marzo celebrarase un simposio sobre enerxía e clima aberto ao público e totalmente de balde, así o avanzou o Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, que explicou que “estes proxectos enmárcanse na iniciativa global A Hora do Planeta, que se celebra mundialmente o último sábado do mes de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario durante unha hora”.

A mostra que hoxe inauguramos está composta por 13 paneis e elaborada coa colaboración do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental) co obxectivo de achegar a problemática do cambio climático, os seus impactos e consecuencias dende a perspectiva da acción social.

Esta exposición nace do Proxecto Europeo de Acción Educativa polo Clima, Clarity, para contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se poden artellar para facerlle fronte, tanto por parte das institucións e das empresas, como pola da cidadanía.

O sábado 24 de marzo, data na que centos de cidades de todo o planeta apagarán a iluminación dos principais monumentos públicos entre as 20:30 e as 21:30 horas. A Deputación de Lugo tamén se une a esta iniciativa denominada A Hora do Planeta.