A Concellería de Cultura e Turismo de Padrón ultima para maio as I Xornadas Gastronómicas Padrón Literario, unha nova iniciativa para dar un contido especial ao mes das letras, o mes de maio. A concelleira de cultura, Lorena Dopazo, invitou aos hostaleiros a sumarse a iniciativa preparando “menús literarios” ou “petiscos literarios”.
No caso dos “Menús literarios” os establecementos adheridos deberán crear un menú cun prezo pechado de 25 euros por persoa, que inclúa entrantes, un prato principal, sobremesa e bebidas; este menú deberá ser elaborado con materias primas da gastronomía local, de xeito tradicional ou creativo, pero centrándose sempre na temática cultural e literaria.
Estes “Menús literarios” deberán estar dispoñibles para os clientes os días 4, 5, 6, 11, 12, 13, 17, 18, 19 e 20 de maio, coa finalidade de que o Concello de Padrón poida publicitalos debidamente dentro dunha campaña conxunta para todos os establecementos adheridos a estas xornadas.
Por outra banda, tamén para o mes de maio, concretamente os días 4, 5, 11, 12, 17, 18 e 19, desenvolverase o concurso de “Petiscos literarios”, no que os establecementos participantes deberan preparar un petisco, cun prezo de 2 euros, baseado nos vínculos de Padrón co mundo da literatura, ben a través dos propios ingredientes, ben na decoración ou ben na forma de presentar o petisco para a súa degustación.
O Concello de Padrón pretende instaurar un evento anual cun amplo programa de actividades no mes de maio, “o mes das letras”, contando coa implicación da Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela e abrindo tamén a participación aos establecementos do sector da hostalaría.
A vila de Padrón está “indisolublemente asociada ao mundo da literatura” grazas a persoeiros como Rosalía de Castro, Camilo José Cela, Macías o Namorado, Manuel Barros ou Nicasio Pajares, entre outros moitos. Partindo desta “riqueza cultural endóxena”, sinalou Lorena Couso, concelleira de Cultura e Turismo.