Buscar/Hemeroteca

viernes, 16 de marzo de 2018

Doce adegas valdeorresas participan en Prowein

García Pando
Diversas marcas de viño valdeorresas procedentes de 12 adegas da comarca daranse a coñecer no espazo expositor que o Consello Regulador posuirá no Pavillón España, no marco do prestixioso foro especializado Prowein 2018, que dará comezo este domingo. O vicepresidente do organismo, Marcos Prada, desprazarase ata Düsseldorf para participar nesta feira xunto a membros do equipo técnico da D.O. 

En Prowein 2018, exhibiranse máis dunha vintena de referencias de brancos e tintos da comarca, principalmente godellos e mencías. Trátase de viños pertencentes ás adegas A Coroa, Melillas e Fillos, D´Berna, O Casal, Godeval, Roandi, Joaquín Rebolledo, Rafael Palacios, Quinta da Peza, Alán de Val e ás cooperativas Virxe das Viñas e Jesús Nazareno. 

O presidente do Consello Regulador amósase satisfeito coa representación dos viños valdeorreses en Prowein e alude ao “potencial escaparate” que supón a feira alemá: “trátase dunha das citas máis importantes do sector, xa non só en Europa senón en todo o mundo, con máis de 6.000 expositores de ata 300 rexións vitivinícolas diferentes”. 

García Pando confía en que Prowein contribúa “a reforzar o posicionamento da marca Valdeorras” e que permita “achegar os nosos viños a novos nichos de mercado”. “No ano pasado, máis de 55.000 persoas visitaron este salón especializado, moitas delas profesionais con ligazón ao eido do viño tales como restauradores ou distribuidores”, abondou. 

Ademais, “son tamén moitos os xornalistas especializados que visitan este foro” – continuou García Pando- e “a nosa participación axudará a continuar afianzando a presenza mediática dos nosos viños”. “Unha presenza que –tal e como lembrou o presidente do Consello Regulador- se incrementou sensiblemente ao longo do ano 2017, segundo revelan os datos dun informe elaborado por unha consultora especializada en viño, que vén de ser divulgado recentemente”.

No hay comentarios: