Decreto de primeiros compradores de leite

A Consellería do Medio Rural buscará ir da man das organizacións profesionais agrarias para enriquecer o texto do decreto de primeiros compradores de leite que impulsa o Ministerio de Agricultura e que se atopa actualmente en fase de alegacións. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez vén de convocar a estas entidades a unha xuntanza, co fin de buscar o máximo consenso posible nestas materias e poder defender así co máximo rigor e eficacia os intereses dos agricultores e gandeiros da nosa comunidade. 

En relación co decreto de primeiros compradores, as propostas da Xunta van na liña de mellorar a transparencia da cadea de valor do leite, darlles seguridade aos gandeiros e reforzar as súas garantías e a súa protección nas relacións contractuais que manteñen con esta figura. Ademais, proponse mellorar os requisitos mínimos dos contratos e enriquecer a normativa no que atinxe aos avais obrigatorios que os primeiros compradores non transformadores teñen que depositar para poder exercer a súa actividade. O Ministerio pretende aprobar o texto definitivo do decreto neste primeiro semestre do ano. 

Destacou, así mesmo, a evolución dos ingresos recibidos polos produtores, que no mes de xaneiro acadaron os 73,3 millóns de euros, o que representa un incremento de sete millóns respecto a 2017 (case un 11% máis) e de 9,5 millóns máis ca no 2016, o que supón un aumento do 15%. Ademais, a conselleira indicou que a produción láctea galega increméntase un 5,67% respecto a xaneiro de 2017 ata as 231.331,4 toneladas, é dicir, 12.422,7 toneladas máis.