CARA AO XXV ANIVERSARIO - Editorial HGgT 212

Defrontamos a andaina dun novo exercicio turístico entre vísperas de celebración. Esta revista entra nos meses da conta atrás do XXV aniversario da súa primeira edición que, de xeito ininterrumpido, empezara no verán de 1995.

Non foron poucos os avatares superados, os pequenos, paulatinos pero significativos cambios e adaptaciós ao devir socio-económico e profesional, á determinación do posicionamento intersectorial da publicación, ao cauteloso pero irrenunciable avance da oferta e servizo aos subsectores que, como ningunha outra revista impresa, presta, fomenta e incentiva entre os grandes vectores produtivos e consumidores deste país.

E empezamos este exercicio 2018-2019 dando un paso máis, mellor dous, pero un sería o recuperar un paso interrumpido, isto é, retomar as Galas do Turismo e a Gastronomía de Galicia e, no seu marco, o outorgamento dos PREMIOS HGg&T que neste mes proclamaremos en xusto recoñecemento aos produtos que destacaron pola súa calidade durante o quinquenio entre galas a través das nosas Catas, mediante as que, a pesares da crise, tratamos de apoiar especialmene ao sector alimentario.

O paso trascendentalmente novedoso incorporarase no vindeiro número: un caderniño especializado en motor, coa mesma periodicidade que a revista sostén, dotado de autonomía, equipo especializado; unhas páxinas irmáns e compañeiras de viaxe, con noticias do mundo do automóbil e da viaxe, binomio conceptual, por certo, do que saeu a primeira revista especializada en gastronomía en España.

Quen viaxa, e máis de xeito autónomo, quere saber de hoteis onde dormir, restaurantes onde comer, monumentos e paisaxes que ver, montes e fontes que buscar, cidades nas que recrearse, cultura que coñecer.

Todo isto, desde unha perspectiva galega e un concepto trasnversal e complementario, viñémosllo dando neste cuarto de século precedente. Pero faltaba, nun mesmo corpo lector, aconsellarles sobre o coche en que viaxar, a industria coa que mellorar o negocio, os consumos, os conforts, as relacións calidade-prezo, a través de probas especializadas e exclusivas. É o agasallo que nos damos, o que merece a sua fidelidade, un cuarto de século despois.