Bos datos turísticos na provincia de Pontevedra en febreiro

O ano 2018, con soamente dous meses pechados, semella que está no camiño de superar o récord turístico acadado o pasado ano. Así, a Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, confirma que os establecementos hoteleiros, pese a estar pechados o 30 % nestas datas, tiveron en febreiro un 36,4 % de ocupación mentres que o mesmo mes do 2017 tiña acadado o 33 %. Tamén se incrementan os niveis de ocupación dos establecementos de turismo rural que, neste caso, incrementan en dous puntos a porcentaxe con respecto a febreiro do 2017.

A comarca que acadou a maior porcentaxe de ocupación en establecementos hoteleiros foi a de Caldas, cun 76 % de ocupación, seguida de Vigo, cun 53 %; o Deza e Tabeirós-Terra de Montes acadaron o 36 %; O Salnés, un 32 %; Pontevedra, O Morrazo e O Condado e A Paradanta, un 25 % e O Baixo Miño un 19 %.

En canto ao perfil das persoas visitantes foron maioritariamente españolas (81,25 %) procedentes de Madrid, Barcelona, País Vasco, Albacete, Asturias e Guadalaxara. O 18,75 % dos estranxeiros proveñen, principalmente, de Italia, Arxentina, Francia, Portugal e o Reino Unido.

A maioría das persoas visitantes teñen máis de 60 anos e alóxanse en hoteis durante 4-6 días. Acoden motivados pola cultura e as vilas que visitan en maior medida son Vigo, Pontevedra e Sanxenxo. Ademais, das rexistradas no pasado mes, o 77 % non tiñan visitado antes a provincia.