A Paixón de Viveiro, os Pasos de Lugo

Viveiro, principal referencia urbana da Mariña luguesa, mantén a súa ecular celebración da Semana Santa, declarada en 2013 de Interés Turístico Internacional. As celebracións e as procesións organizadas pola Xunta de Cofradías configuran cada ano un programa que sobrancea en Galicia e en toda a zona norte de España e atrae a milleiros de visitantes e turistas.

En Viveiro as orixes destas celebracións apuntan ao s. XIII e subliñan a importancia das Cofradías. A Venerable Orden Tercera Franciscana e a Ilustre e Venerable Cofradía do Santísimo Rosario, de orixe dominico, organizaron todos os actos ata que en 1944 se fundou a do Santísimo Cristo de la Piedad formada por industriais e empresarios.

Desta última xurdiron tres novas irmandades: Hermandad del Prendimiento (1947) para estudiantes e empregados; Hermandad de las Siete Palabras (1951) e a Hermandad de la Santa Cruz (1953) formada íntegramente por mulleres. Actualmente Viveiro conta con dúas cofradías máis: “O Nazareno dos de Fóra” (1989), formada polos viveirenses da diáspora, e a da Misericordia (2006) fundada ao abeiro da venerada imaxe do Santísimo Ecce Homo.

Viveiro destaca polo gran valor artístico da súa imaxinería e ourivaría e pola coidada e brillante organización dos pasos procesionais, mais dunha ducia sempre rodeados por milleiros de persoas. Empezan coa procesión da Virxe das Dores, o Venres de Dores, e rematan coa procesión do Encontro de Resurrección e o Vía Lucis, o domingo.

Ademais dous pasos do Domingo de Ramos, a tamborrada na tarde do Luns Santo, os Vía Crucis de mulleres (noite do martes) e homes (noite do mércores), as tres procesións do Xoves Santo e as catro do Venres Santo, incluído do Descendemento de Xesús da Cruz e a procesión da Esperanza o Sábado Santo.

En Lugo os actos, organizados tamén pola Xunta de Cofradías, comezan co Vía Crucis o Venres de Dores e a Bendición dos Ramos, o domingo, seguida pola procesión da Virxe das Dores. O luns chega a procesión da Virxe da Esperanza e o martes a do Bo Xesús e o Nazareno. O mércores percorren as rúas luguesas un Vía Crucis penitencial e a procesión do Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade. O Xoves Santo contempla a procesión da Santa Cea e o Venres Santo, logo do acto do Desenclavo, a procesión do Santo Enterro, á que se incorporan as demais cofradías con todos os seus pasos. Pouco antes da media noite sae a procesión da Virxe da Soidade “As Caladiñas”.

Xa na fin de semana, o Sábado Santo abre o día a madrugadora procesión da Virxe da Piedade e para a mañá do Domingo de Resurección quedan a procesión do Santo Encontro e a de Noso Señor Xesucristo Resucitado.