Buscar/Hemeroteca

miércoles, 7 de febrero de 2018

Turismo Rías Baixas promocionará conxuntamente as 9 festas de interese turístico nacional e internacional

A Deputación de Pontevedra agrupou baixo unha campaña de promoción conxunta as festas da provincia catalogadas de interese turístico; catro delas, gozan do recoñecemento internacional: a Festa da Arribada de Baiona, a Romaría Viquinga de Catoira, o Corpus Crhisti de Ponteareas e Rapa das Bestas da Estrada; e outras 5 son de interese nacional: a Festa do Albariño de Cambados, a Festa do Marisco do Grove, a Feira do Cocido de Lalín, a Festa da lamprea de Arbo, e a Festa da auga de Vilagarcía de Arousa. 

A presidenta provincial, Carmela Silva, reuniu na sede de Turismo Rías Baixas, en Pontevedra, aos e as representantes dos municipios que acollen festas de excelencia para presentar nun único paquete as datas e as principais novidades das edicións deste ano.

"Grazas por ser capaces de entender que xuntos e xuntas somos máis fortes. Dar imaxe de provincia é positivo para todo o territorio, e para cada un dos municipios", sinalou Carmela Silva, dirixíndose aos e as representantes municipais. Ademais, as festas de interese turístico "teñen a capacidade de atraer este tipo de turismo que queremos na provincia, desestacionalizador, con visitantes que buscan a gastronomía de excelencia, cultura e paisaxe".

O eixo da campaña é a posta en valor do patrimonio da provincia de Pontevedra; neste sentido, as  nove festas de interese turístico enmárcanse no patrimonio inmaterial, xa que están baseadas nunha profunda tradición e arraigamento local que as fai únicas.

f_ turismoriasbaixas.com

No hay comentarios: