Senda verde entre Vigo e Redondela

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou o contrato de aluguer con ADIF para a asunción dos terreos da antiga vía do tren en superficie, desde Urzáiz ata Redondela, por un prezo simbólico de tres mil euros anuais. "Unha vez asinado, encargaremos o proxecto" da futura senda verde, avanzou Abel Caballero. 

O alcalde recordou que estes terreos foron desafectados no mes de decembro e que este xoves deuse luz verde ao contrato con ADIF para o aluguer, de cara a convertelos nun corredor verde de catro quilómetros ata Redondela. 

Abel Caballero explicou que o acordo será rubricado co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias "de forma inmediata", tan pronto ADIF valide o contrato, e, "unha vez asinado, encargaremos o proxecto". 

O Concello de Vigo xa traballa no deseño da vía verde, que presenta unha zona urbana no treito máis próximo a Urzáiz e outro espazo con máis zona verde. O goberno vigués propón para o futuro corredor verde de Urzáiz a Redondela que sexa unha localización "tranquila, para bicis e tamén con zonas para eventos lúdicos". 

Caballero recordou que a futura vía verde é posible pola construción do túnel de saída dos trens de Urzáiz, un cambio de proxecto conseguido co propio Caballero na Alcaldía xa que a planificación de Fomento era construir a entrada do AVE en Vigo en superficie, "rompendo Teis". O rexedor recordou que o proxecto estaba "tan avanzado" que xa se fixeran expropiacións.