Primeiras canais certificadas de Vaca e Boi de Galicia

Ángeles Vázquez ye Jesús González
A IXP Vaca e Boi de Galicia, que botou a andar o pasado mes de xullo coas primeiras inscricións de explotacións gandeiras e reses, acaba de iniciar a certificación e etiquetaxe das primeiras canais que van saír ao mercado baixo o amparo desta Denominación. A realización das primeiras marcaxes tivo lugar en varias industrias cárnicas galegas, concretamente en Frigoríficos Bandeira (Silleda - Pontevedra), Novafrigsa (Lugo) e Suministros Medina (Betanzos - A Coruña), ás que, progresivamente, se irán sumando máis nas próximas datas. 

Esta primeira xornada de certificación ten un gran significado para o sector de vacún de carne galego, xa que representa o comezo da actividade da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia na súa faceta industrial e seguidamente comercial, para poñer no mercado esta carne de calidade recoñecida baixo o amparo da nova IXP. 

Neste primeiro día certificáronse e etiquetáronse en total 14 canais. A conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto, acompañada do presidente e membros do Consello Regulador, o xefe territorial de Medio Rural na provincia de Pontevedra, Antonio Crespo, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, membros da Corporación municipal e representantes do sector, foron testemuñas destas primeiras marcaxes na industria cárnica Frigoríficos Bandeira, situada en Silleda. 

Na actualidade, a Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia xa conta con 186 explotacións gandeiras e 19 industrias cárnicas inscritas. Asi mesmo, hai 3.707 animais rexistrados, dos cales 3.648 son vacas e 59 bois. Esta 

Denominación, xunto coa IXP Ternera Gallega, están integradas nun órgano de dirección e xestión común que é o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, que preside Jesús González.