Premios Galicia ParaBéns, iniciativa de Turismo de Galicia

En Galicia, o patrimonio natural e a paisaxe humana materializada nas nosas aldeas, vilas e cidades, configuran un feito diferencial que é o noso mellor sinal de identidade e un recurso turístico de incalculable valor.

Preservar a nosa natureza e as características singulares que o paso dos séculos ten deixado nos asentamentos de poboación precisa dun sólido compromiso social e institucional, e é unha tarefa da que todos os galegos e galegas debemos facer causa común.

Neste camiño, os Premios Galicia Parabéns son unha iniciativa de Turismo de Galicia que quere poñer en valor e cofinanciar as mellores actuacións promovidas polas entidades locais que teñan como obxectivo a conservación, mellora e embelecemento da paisaxe galega, e a integración en plena harmonía dos elementos arquitectónicos en todos os seus núcleos, buscando ademais a sensibilidade e colaboración da cidadanía na salvagarda da esencia da nosa terra.

Nesta primeira edición, establecéronse dúas modalidades: 

Categoría Primeira, que distingue actuacións xa realizadas nos últimos dez anos, que se completarán cun novo proxecto que mellore as accións acometidas previamente. Recibirá o recoñecemento a Mellora e embelecemento do Pico Sacro e a súa contorna Concello de Boqueixón.

E Categoría Segunda, destinada a premiar os proxectos presentados para novas intervencións. Nesta ocasión para Mellora e embelecemento do Parque de Agustín do Río e a súa contorna Concello de Portomarín.

A dotación económica destes premios estará destinada a sufragar os gastos das obras de execución destes proxectos, co obxectivo de seguir mellorando a imaxe da nosa Comunidade.