O próximo Ourense ICC Week terá ao humor como protagonista

O "Ourense ICC Week" 2018, o marco das industrias culturais e creativas de Ourense, que organiza anualmente a Deputación de Ourense, celebrará a súa cuarta edición do 2 ao 5 de maio. O presidente do goberno provincial destacou que este evento xa consolidado "posiciona a provincia de Ourense como punto de encontro e referencia no ámbito da vangarda e a creatividade".

O presidente do goberno provincial destacou a innovación que supón, ano tras ano, o desenvolvemento da "Ourense ICC Week", "unha plataforma de debate, comunicación e posta en común das vangardas nas diferentes áreas da creatividade, que terá como localizacións na capital ourensá: o Centro Cultural "Marcos Valcárcel", o Teatro Principal e o Liceo de Ourense; e na provincia, o mosteiro de san Pedro de Rocas (Esgos) -onde se desenvolverá un seminario sobre arte rupestre-, o mosteiro de san Clodio (Leiro) e a Casa Museo de Otero Pedrayo, en Trasalba (Amoeiro)".

Entre as novidades da programación prevista para esta cuarta edición destaca a temática do humor como industria cultural e creativa, entorno á cal se desenvolverá unha mesa redonda baixo o título "Humor e creatividade, a parella perfecta". A mesa será moderada por Manuel de Lorenzo, colaborador en medios como Jot Down, El Español ou El Progreso, e intervirán nela Juan Ramón Bonet, presentador do programa "¡Boom!", de Antena 3; Raquel Córcoles, creadora de Moderna de Pueblo; e Alberto Casado e Rober Bodegas, referentes da comedia online con "Solocomedia", quen serán os encargados de pechar o programa da ICC Week deste ano co espectáculo de comedia "Pantomima Full".

"Trátase dunha sucesión de sketches de entre cinco e dez minutos nos que se parodian situacións da vida cotiá e temas de actualidade", explicou Manuel Araújo, quen adiantou que as entrada xa están á venda en ataquilla.com e na web do Teatro Principal, cun custe anticipado de 15 euros. O espectáculo terá lugar o sábado, 5 de maio, ás 20.00 horas, no Teatro Principal da Deputación de Ourense.

En canto á imaxe desta cuarta edición Manuel Baltar dixo que está "vencellada coa historia, coa arte rupestre e os petróglifos, que fala da creatividade dos nosos antepasados na nosa provincia, polo cal se elixiu esa imaxe para a edición da "Ourense ICC Week" de 2018. Neste sentido, Juan Rivas destacou que os petróglifos "son un reflexo da capacidade intelectual da humanidade para abstraer e representar a súa realidade, e como valor patrimonial cultural, material e inmaterial adquire hoxe para nós un novo valor".