"Lingua á Escena" na provincia da Coruña

"Lingua á escena" é unha das novidades da Rede Cultural que neste ano 2018 conta cun orzamento que supera os dous millóns de euros. OS concellos teñen desde o 7 até o 20 de febreiro para se sumar aos distintos programas do circuíto cultural da Deputación da Coruña que, por vez primeira, ofrece un catálogo de propostas que teñen como obxectivo prioritario a normalización da lingua galega desde propostas culturais.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei sinalou que "desde a área de Normalización Lingüística e Cultura queremos animar os concellos a solicitar os espectáculos de "Lingua á escena", unha iniciativa que quere contribuír á dinamización da nosa lingua desde propostas culturais que van máis alá de se expresaren en galego. Quixemos que o tema central sexa precisamente a promoción da nosa lingua e a eliminación de prexuízos, que tanta falta fai". 

Entre os proxectos teatrais do programa, están, "Falar por Falar" de Tintimán Audiovisual, "Falar sen Cancelas" de Culturactiva SCG, "Un bico para Alí", de Fabaloba, quen xunto a Luís Prego e Fabaloba levan a cabo " A casa encantada de Alí". A compañía teatral Talía propón dúas interpretacións, "Bicos con Lingua" e "Pelos na Lingua". Destinada ao público infantil, "As aventuras de Gale" de Celtia Figueiras e, a compañía Quinquilláns Teatro presenta "Language Planning".

Malia o destacado peso que ten o teatro nas propostas de Lingua á Escena'2018, a poesía e a música tamén terá presenza nesta edición coa participación do dúo Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado). Ambas poetas desenvolven o espectáculo "Cría fame e bótate a correr", onde a lírica é empregada como elemento dinamizador da da lingua na procura de favorecer a vivencia positiva do noso idioma propio

O novo programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña contempla tamén un espectáculo de Ilusionismo con "Lingua do País" e "Laretando nas Lareiras" do mago Martín Camiña xunto con Fani Triana no segundo. E o mago Richard presenta "Memoria dun mago galego". 

Outras da actividades culturais integradas nesta primeira edición de Lingua á Escena é "Música e lingua, repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nel" do grupo decano do Rock Galego, Zenzar. Dividida en dúas partes, esta iniciativa aborda en por medio dunha video-charla ao rock galego como elemento dinamizador da lingua na nosa cultura ao tempo que presenta unha análise do papel musical das mulleres no eido musical galego. A segunda das actividades programadas será un concerto de Zenzar na que se poderán escoitar algún das pezas dunha formación que leva 30 anos no panorama musical galego.