Gastro-obradoiro en Portomarín

O Concello de Portomarín rehabilitou no Campo da Feira de Portomarín un espazo que utilizará como Gastro-obradoiro, ademais de para organizar outras actividades didácticas, culturais e recreativas. As obras de acondicionamento contaron cunha achega de 31.600 euros da Xunta a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Miño Ulla.

As instalacións están dotadas de cociña, enxoval e mesas, con capacidade para arredor de 120 comensais; tamén dispoñen de aseos. Calquera grupo que estea interesado pode reservalo previa solicitude no concello e por un prezo simbólico para colaborar co mantemento. Este é o primeiro servizo deste tipo de titularidade municipal que se pon en funcionamento na provincia.

A remodelación do local municipal como aula e Gastro-obradoiro ofrece un novo espazo de lecer e fomentará as actividades de reunión, lúdicas, didácticas e culturais, ademais de mellorar a estética do Campo da Feira.