Galicia presume en Biofach de agricultura ecolóxica

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, fixo balance da presenza de Galicia na feira de ecoloxía máis importante, Biofach, en Núremberg, e resaltou os bos resultados desde tipo de eventos na busca de novos clientes no mercado exterior. 

A Consellería aproveitou a súa presenza na cidade Alemaña para manter un encontro coa delegación do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, presente en Biofach e así analizar o peso de Galicia no sector a nivel estatal. España é o primeiro país da Unión Europea e o cuarto do mundo en superficie bio e dentro do estado Galicia ten os primeiros postos en moitos ámbitos como o do leite, no que é líder ao producir 7.900 quilos de leite cru e 829.000 quilos de iogur nun ano. 

Ademais, a nosa é a segunda comunidade en produción de carne de aves de curral para carne e produce ata 12,5 millóns de ovos, o que supón o 26% do total de España. Tamén obtemos o segundo posto en apicultura con 42 explotacións ecolóxicas. 

Tras este encontro Ángeles Vázquez salientou o camiño iniciado por Galicia no ano 1997 e que non deixo de mellorar ata hoxe grazas aos emprededores que se suman cada ano a este novo mercado cada vez máis demandando. 

Na viaxe a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría , Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo presidente do centro galego en Núremberg, Gerardo Arias. Neste sentido, a titular de Medio Rural destacou tamén a importancia da promoción dos produtos galegos que realizan desde estas institucións no estranxeiro. De feito, nesta cidade alemá celebran unha festa do cocido o 10 de marzo e unha feira do polbo que chega a reunir unhas 4.000 persoas para desgustar un dos manxares polo que somos coñecidos fóra das nosas fronteiras. 

Dende a Consellería do Medio Rural agradécese o traballo das empresas presentes en Boifach (Mieles Anta, Orballo, Coren, Producto de Aldea, Bio Factory, Hifas da Terra, Galletas Mariñeiras Daveiga, Porto-Muíños, Conservas Orbe, Connorsa e Pasteurizados Cíes) e do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) que exerceu de coorganizador.