Galicia pechou o 2017 con 4.526 novas hectáreas de agricultura ecolóxica, o que supón un incremento do 16% respecto ao ano anterior, e que acerca a comunidade aos restos establecidos para 2021. En concreto, grazas a estas cifras, nun só exercicio superouse xa a metade do obxectivo marcado no Plan de fixación da poboación no medio rural, que establecía 7.880 novas hectáreas certificadas para o final da lexislatura.
Por provincias, Lugo segue a liderar este ámbito na comunidade con 14.937 hectáreas, seguida de Ourense (8.199 ha), Pontevedra (5.769 ha) e, por último, A Coruña (3.336 ha). Neste sentido, hai claras tendencias por provincias, mentres que Lugo e Ourense teñen un carácter máis gandeiro, A Coruña e Pontevedra destacan en cultivos vexetais.
Respecto aos operadores, no 2017 alcanzáronse os 1.062 operadores certificados, o que supón un aumento do 12,4% respecto ao ano anterior. E precisamente Ángeles Vázquez aproveitou a presenza de once empresas galegas neste evento para agradecerlles o seu traballo e “dinamismo” xa que é grazas a produtores e comercializadores implicados polo que este sector non deixa de crecer en Galicia.
Galicia, con 86 granxas, é a primeira comunidade en explotacións de leite ecolóxico que se traducen en máis de 7.900 quilos de leite cru e 829.000 quilos de iogur. Supoñen as maiores contribucións ao estado español con case o 61% e o 54% da produción total, respectivamente.