Galicia comeza con forza o ano turístico

Despois de rematar un 2017 histórico, o turismo comeza o ano en Galicia cos mellores datos da última década. O sector mellorou en todas as variables segundo amosan os primeiros datos de 2018 publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Estes confirman que a Comunidade afianza o seu proceso de desestacionalización, cunha suba do 5,4% na cifra de noites hoteleiras, ata preto das 300.000, e do 1,4% na de viaxeiros aloxados, os mellores datos da última década.

É o cuarto ano consecutivo no que os turistas medran en xaneiro en Galicia e, ademais, permaneceron máis tempo na Comunidade, pois a estadía media subiu un 4% mentres que no conxunto do Estado descendeu un 1,6%, consolidando a converxencia coa media. De igual maneira, a ocupación aumentou en xaneiro 1,84 puntos porcentuais e, no caso das fins de semana, este crecemento foi aínda máis intenso, cun aumento de 2,75 puntos.

O turismo internacional acadou o seu peso máis elevado no primeiro mes do ano grazas a unha subida do 9,3% da demanda hoteleira, referendada cunha alza do 4,8% nos viaxeiros. Pola súa banda, o turista nacional, que medrou un 4,5%, realizou un 11% máis de noites.

As tarifas hoteleiras e os niveis de rendibilidade do sector (medidos a través do RevPAR, o ingreso medio por habitación dispoñible) tamén evolucionaron positivamente nese período.