Formación e prácticas coa Deputación de A Coruña

O Fondo Social Europeo (FSE) vén de aprobar o proxecto, denominado PEL Emprego Xuvenil, dentro da súa convocatoria de axudas destinadas á integración sostible de persoas novas no mercado de traballo. A Deputación da Coruña recibiu 490.820 euros do FSE, que supoñen máis do 30% das axudas concedidas ás entidades locais da provincia, e unha cuarta parte dos fondos conseguidos para toda Galicia.

Con esa dotación ofrecerá programas de formación e prácticas para 90 mozos e mozas da provincia nos sectores das novas tecnoloxías da información e o turismo. Esta axuda servirá para financiar algo máis da metade do orzamento total do proxecto, mentres que o resto, ata chegar a 868.695 euros, será aportado pola propia Deputación.

Esta acción en concreto, PEL Emprego Xuvenil, está destinada aos mozos e mozas dos concellos coruñeses de entre 16 e 30 anos, e consistirá en seis itinerarios que incluirán formación específica e prácticas profesionais en empresas da provincia.

Os contidos de cada itinerario responden ás competencias máis demandas e necesarias para acceder a postos de traballo de calidade, e contribuír ao mesmo tempo ao desenvolvemento dos concellos.

Tres dos itinerarios formativos estarán centrados no eido da informática e as novas tecnoloxías, coas especialidades de sistemas de xestión de información, seguridade informática e administración de bases de datos. Complementariamente, nestes itinerarios inclúese tamén un curso de 70 horas sobre manexo de aeronaves pilotadas en remoto ou drons e outro sobre redes sociais.

Por outra banda, na área do turismo ofreceranse tres itinerarios especializados en creación e xestión de viaxes e eventos, venta de produtos e servizos turísticos e promoción turística local e información ao visitante. Neste caso, os participantes recibirán tamén un curso de 50 horas sobre marketing aplicado ao turismo e realizarán un obradoiro de emprendemento cooperativo, que consistirá na creación de iniciativas que promovan destinos turísticos intelixentes.

En todos os itinerarios incluiranse formacións transversais como 150 horas de inglés, sesións de sensibilización na igualdade de oportunidades e un servizo de titorización e orientación laboral.