Dúas pragas emerxentes nos viñedos galegos

Foto publicada en Campo Galego
A Consellería do Medio Rural ven de facer balance no seu último boletín agrometeorolóxico de como foi o ano 2017 para as enfermidades do viñedo en Galicia, unha campaña con pouca incidencia das enfermidades fúnxicas debido ao tempo seco.

Pero dende Medio Rural advirten de que nesta pasada campaña “hai que destacar a presenza de dúas pragas emerxentes que, aínda que localizadas de momento en focos determinados, deberán ser vixiadas nos próximos anos polo risco de que supoñan maior afectación ao cultivo”.

“Trátase do Melazo (Pseudococus ficus), que está a ser vector do Virus do Enrolado (GLRaV-3) nalgunhas explotacións, principalmente en Pontevedra na zona do Rosal e Condado, e que provoca diminución na colleita e mala maduración da uva; e do díptero cecidómido Janetiella oenephila, do que cada vez se detectan máis focos en todas as DDOO en viñedos próximos a zonas forestais”, salientan os técnicos de Medio Rural.