Datos históricos para o sector pesqueiro galego

O sector pesqueiro galego acadou en 2017 a mellor cifra de facturación procedente da primeira venda, ao romper o teito dos 500 millóns de euros. O dato foi facilitado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo durante urante unha visita ás instalacións da lonxa de Noia, onde precisou que foron comercializadas máis de 212.000 toneladas de produtos da pesca e cun incremento do 27% en descargas por riba da media anual.

Por tipo de produto, engadiu o presidente autonómico, que os peixes representan o 92% das descargas e os moluscos bivalvos o 4,6%, aínda que o seu peso na facturación ascende ao 16%. “E cómpre salientar, ademais, que estamos a falar do mellor exercicio da serie histórica nas tres provincias, alcanzando A Coruña o 54% do total das descargas, Pontevedra o 27,5% e Lugo o 18,5%”, explicou.

En relación a Noia, aseverou que esta zona, que abarca os concellos de Noia e Outes, alcanza tamén cifras históricas na súa campaña marisqueira, cun 70% por riba da media histórica en capturas e un 63% por riba en facturación. Un traballo que implica preto de 1.500 familias e no cal o berberecho supón máis do 82% das descargas.