"Choqueiros. Breve crónica histórica do carnaval coruñés"

A presentación pública de Choqueiros. Breve crónica histórica do carnaval coruñés, terá lugar o vindeiro luns, 12 de febreiro, no Circo de Artesáns. O acto, cuxa entrada é libre, comezará ás 20.00 horas. 

A publicación ten como finalidade recuperar a tradición popular do entroido local, así o explicou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, "Por segundo ano consecutivo, o Concello edita un libro en relación á historia destas festas, co obxectivo de afondar na necesaria exploración da memoria da nosa cidade", sinalou Sande. 

Así, tras a publicación no 2017 do libro O apropósito coruñés, escrito por Antón de Santiago, o goberno local edita un novo texto, "que afonda nas singulariedades e as particulariedades do entroido coruñés, entendido como unha festa espontánea, popular e tradicional, da que se debe recoñecer e poñer en valor o seu pasado", explicou o concelleiro. 

O autor, o historiador Xosé Alfeirán, explicou que o texto, que inclúe material gráfico da época procedente do Arquivo Municipal, fai unha revisión do Carnaval da Coruña que chega até o ano 1882, "o que abre o camiño a unha natural continuidade desta publicación". Alfeirán salientou a oportunidade que supón a publicación da obra "para rescatar do esquecemento, e dun xeito riguroso, as crónicas dunha tradición cultural e festiva como é o entroido coruñés". 

O historiador chega á conclusión que a festa, no municipio, "readáptase con cada nova xeración". "Cada 25 ou 30 anos, froito dunha nova xeración e da evolución histórica e socio-económica da cidade, o Entroido presenta numerosos cambios, aínda que mantén compoñentes comúns que perviven até o día de hoxe".

O libro, que estará dispoñible na rede de bibliotecas e centros cívicos municipais, pódese descargar desde a páxina web municipal.

f_ coruna.gal