Bo comenzo do ano para a oficina de turismo de Lugo

A Oficina Municipal de Turismo de Lugorecibiu a máis dun milleiro de visitantes no pasado mes, un 18% máis que no mesmo período de 2017. O 86% das e dos turistas que se achegaron á Praza do Campo eran españois, afianzando así o interese de Lugo para os visitantes nacionais. 

Os asturianos están á cabeza dos visitantes nacionais en xaneiro, representando o 19% do total de españois, seguidos dos procedentes de Madrid, Cataluña, Andalucía e Castela A Mancha. Polo que respecta aos turistas extranxeiros, o número de visitantes incrementouse nun 37,6% con respecto a xaneiro do pasado ano. Entre os foráneos destaca a visita dos procendetes de Italia (36), Arxentina (32) ou Estados Unidos (26). Este centro municipal tamén ofreceu información a visitantes portugueses, franceses, alemáns, irlandeses ou xaponeses, entre outros. 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, explicou que os logros turísticos son froito dun traballo e esforzo conxunto entre os profesionais do sector, a calidade dos servizos e oferta cultural e patrimonial que ofrece Lugo e o empeño do Goberno de posicionar a Lugo como destino turístico de calidade, de experiencias e de lecer familiar.

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) foi o museo máis visitado de Lugo no mes de xaneiro. Por estas instalacións municipais innovadoras pasaron máis de 650 persoas, un 57% máis que no 2017. Os centros expositivos de Porta Miñá e San Roque tamén sufriror importantes incrementos de visitantes, un 36% e 24%, respectivamente. A Casa dos Mosaicos acolleu a visita de máis de 500 persoas e a Domus do Mitreo unhas 450.