Auditoría da ENAC en Valdeorras

Prantación de godello
Un equipo de traballo da Entidade Nacional de Certificación (ENAC) levou a cabo nesta semana unha auditoría en Valdeorras cuxos resultados se coñecerán nos vindeiros meses. Cun informe positivo, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras sumaríase ao grupo de entidades acreditadas segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065, “o que nos posibilitará certificar os nosos viños, refozar a marca Valdeorras e abrir novos mercados para os nosos brancos e tintos”, sinala o presidente do da entidade, José Luis García Pando. 

Segundo engade García Pando, o equipo de ENAC detectou unha notable mellora en relación á primeira auditoría do organismo na comarca, efectuada en 2014. “O equipo auditor trasladounos unha impresión positiva, de mellora e de que estamos a transitar pola senda correcta para a obtención da acreditación ENAC”, abondou. 

A acreditación é unha esixencia da OCM comunitaria para todos os órganos de control de calidade dos consellos reguladores. Por iso, as dúas auditoras de ENAC cotexaron entre o mércores e hoxe mesmo o cumprimento de diversos parámetros necesarios para a obtención da certificación, entre eles as cantidades de uva e viño producidos ou o desenvolvemento de determinados procedementos de control da actividade vitivinícola na comarca.