Buscar/Hemeroteca

jueves, 15 de febrero de 2018

A Diputación de Lugo adquire o Torque de Burela e o Carneiro Alado

A colección de ourivaría antiga Álvaro Gil, que actualmente se exhibe na sala 8 do Museo Provincial, está formada por 40 pezas datadas entre o III Milenio A.C. ata a época romana, entre as que se atopan torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de diversos Concellos lucenses, así como doutros lugares de Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado, peza de valiosa execución artística e de incerta procedencia xeográfica.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron a adquisición por parte do Executivo Provincial do último lote de 4 pezas da colección de ourivaría castrexa do filántropo lucense. En virtude deste contrato, o Executivo provincial achegará este ano o pagamento de 350.296 euros, que lle permitirá adquirir o quinto e último lote, co que remata a adquisición completa desta colección.

Campos Conde remarcou que “estamos diante dun fito histórico, os veciños da provincia están de noraboa porque a colección de ourivaría antiga da familia Álvaro Gil, pasa a ser propiedade de todos. Con isto, conseguimos que todo o conxunto desta colección, que xa custodia o Museo Provincial, sexa para o desfrute gratuíto e sen restricións de todos os cidadáns, ao tempo que poñemos en valor a riqueza patrimonial galega e os fondos dos nosos museos”.

O Presidente avanzou ademais que “o servizo de publicacións da Deputación xa está rematando un catálogo con toda a información e a historia sobre esta colección, que sairá a luz, previsiblemente nas vindeiras semanas”.

f_ deputacionlugo.org/

No hay comentarios: