A Deputación de Ourense posiciona destino a través do deporte

Dentro da súa aposta polo turismo deportivo a Deputación de Ourense acolle o Campionato Galego de Piragüismo, no que participan máis de 500 deportistas. Celebrarase no Parque Náutico de Castrelo de Miño o día 24 de febreiro, a partir das 10.00 horas. 

A presentación do campionato tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Deportes de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez e Maribel Rodríguez; o presidente do Club Fluvial Avión, Pedro Andrés García; e o presidente e o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea e José Manuel Fernández, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba que "pon en valor o noso territorio dando a coñecer as potencialidades turísticas da nosa provincia", salientou Rosendo Fernández, quen destacou "a idoneidade das nosas augas e das infraestruturas deportivas que ofrece o CERLAC, do que forma parte o Concello de Castrelo de Miño, un lugar de referencia a nivel nacional e internacional, que escollen numerosas seleccións e equipos para realizar os seus períodos de adestramento".

Alfredo Bea dixo, pola súa banda, que no campionato "estarán os mellores clubs galegos, poñéndose ao nivel dun campionato nacional de calquera país de Europa". Asemade, o presidente da Federación Galega de Piragüismo afirmou que Ourense vai a ser este ano, "a capital do piragüismo galego, acollendo tres campionatos de fondo da Federación Galega, porque as instalacións e as láminas de auga que temos aquí son as mellores de Galicia".

Pola súa parte, o alcalde de Castrelo de Miño explicou que este ano "iniciamos de novo a colaboración coa Federación Galega de Piragüismo para traer novas modalidades deportivas ao encoro de Castrelo e ao seu parque náutico", e agradeceu á Deputación de Ourense que continúe a colaborar "no desenvolvemento deste gran circuíto de probas náuticas e deportivas, que é un centro de referencia na provincia de Ourense".