A Deputación de Lugo apoia os campionatos de baristas do IES de Foz

A Fundación TIC da Deputación de Lugo recibiu este xoves o Trofeo Espírito Barista polos dez anos de colaboración cos Campionatos Internacionais de Baristas de Foz, un recoñecemento acordado por unanimidade polo comité organizador do IES focense. O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, foi o encargado de recollelo “en nome de todos os alumnos e alumnas da Escola de Imaxe de Son que participaron desde 2008 neste evento. Sen ir máis lonxe, os estudantes de segundo de realización deste curso foron os encargados de emitir en directo, a través de Internet, as tres competicións deste ano”.

Santos Ramos, que estivo acompañado polo Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e a xerente da TIC, Margarita Soilán, anunciou que “a nosa intención é manter a colaboración da TIC co IES de Foz, xa que é moi positiva para ambas partes, tanto para a formación práctica dos nosos alumnos como a promoción da Escola de Hostalería de Foz e o gran traballo que está a facer, ademais de contribuír a dar a coñecer o Concello focense a nivel nacional e internacional”. A entrega tivo lugar ao remate da Final do XI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, na que participaron 18 Escolas de Galicia, Cantabria, País Vasco Castela León e París.

Eduardo Vidal foi o encargado de entregar o terceiro premio a Alberto Castedo, do IES Sanxillao. A primeira clasificada foi a ourensá María Vila, do IES Vilamarín, e a segunda, Silvia García, do CIFP Compostela.