A Coruña, novo membro da rede European Cities Marketing

Por primeira vez A Coruña, a través do Consorcio de Turismo, participa esta semana na asemblea da rede European Cities Marketing (ECM) en Reikiavik (Islandia), reunión durante a cal o consello de administración aprobará a entrada da cidade como novo membro desta organización internacional.

O Consorcio cumple así un dos obxectivos marcados no Plan Estratéxico de Turismo, que "incide na mellora da difusión da cidade a nivel internacional, apostando pola súa participación en organismos como a ECM, a rede líder de turismo urbano e de congresos", indica o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen tamén preside o Consorcio de Turismo.

Tamén viaxa á capital islandesa a xerente do mesmo, Lanzada Calatayud, para asistir a unha das conferencias, que nesta ocasión "vai xirar sobre o desafío das cidades nos novos cambios de actitude e mentalidade dos visitantes así como novas ferramentas para estimular e facilitar o turismo urbano". "Temos unha cidade innovadora, que agora mesmo está centrada en valores como a sostibilidade, algo fundamental cando falamos do novo turismo urbano que se demanda", explica.

Tal e como destaca Lema, a integración do Consorcio de Turismo da Coruña na EMC, que está integrada por 120 cidades de 36 países, "permite continuar a despregar o plan de internacionalización do turismo da cidade, para facer da Coruña un destino máis coñecido no mercado europeo e potenciar a atracción de visitantes coa implementación de segmentos como o turismo cultural, o city break ou de reunións". Segundo fai notar, o Plan Estratéxico do Turismo da cidade da Coruña propuña á afiliación do consorcio a ECM "como instrumento de mellora do coñecemento, a competitividade e a promoción da cidade no ámbito do marketing urbano e internacional". Esta será a primeira vez que A Coruña participe da rede European Cities Marketing, dedicada a fortalecer o intercambio de coñecementos e boas prácticas para destinos turísticos, despois de promover a finais do ano pasado a súa candidatura, que foi avalada polas cidades de Barcelona e Donosti. Outras cidades do Estado español como Madrid, Bilbao, Xixón, Girona, Valencia ou Sevilla xa están integradas dentro desta rede.