A Asociación europea de cidades históricas termais celebrará a súa asemblea Xeral en Ourense

"Ourense será protagonista do termalismo europeo neste cumio", afirmou Manuel Baltar ao remate da reunión do Comité de cooperación permanente Deputación-Concello de Ourense, no que se analizaron asuntos relacionados cos ámbitos do termalismo, as infraestruturas e culturais e se confirmou que Ourense acollerá os dias 3, 4 e 5 de outubro a asemblea xeral da Asociación Europea de cidades históricas termais (EHTTA), entidade que engloba a 40 representantes de 13 países e da cal o presidente da Deputación de Ourense é vicepresidente.

Está prevista a creación dun grupo de traballo para coordinar o desenvolvemento da asemblea xeral da EHTTA, a rede termal máis importante de Europa, na que están presentes cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital ourensá, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

Pola súa banda, Jesús Vázquez destacou que a cooperación institucional "é clave para o desenvolvemento de accións e iniciativas que redunden na mellora integral de Ourense e do seu posicionamento a nivel internacional no eido do termalismo", engadindo que "temos na Deputación un aliado clave na defensa dos intereses da veciñanza de Ourense".