15.000 referencias de produtos ecolóxicos en Biocultura, do 2 ao 4 de marzo na Coruña

A feira BioCultura reunirá na súa  primeira edición en Galicia a 200 expositores e 15.000 referencias de produtos de alimentación ecolóxica, ademáis de unha ampla serie de actividades e propostas destinadas a fomentar a agricultura ecolóxica e o consumo responsable. A cita, considerada como a máis importante do Estado español neste ámbito, será na Coruña, entre o 2 e o 4 de marzo.

Esperan recibir durante estes tres días a unhas 13.000 persoas entre público xeral e profesionais do sector, según os datos da organización. A presidenta da Asociación Vida Sana, promotora do evento e tamén directora de BioCultura, Ángeles Parra, agradeceu a colaboración do Concello, e explicou que se trata dunha feria multisectorial para empresas que sigan "a cultura da ecoloxía". 

Tamén está prevista a presenza de produtores orgánicos de téxtil, bioconstrución, hixiene e cósmetica, mobles e decoración, aforro e reciclaxe, ecoloxía, medio ambiente, terapias complementarias turismo rural, xoguetes, artesanía, música, libros e revistas. "Dirixímonos a todos os consumidores que queiran cambiar o seu estilo de vida e os hábitos para seren consumidores responsables. Polo tanto todos estes sectores, produtos e servicios vanlle axudar a facer ese cambio a diario, non as fins de semana. Non é só unha feria, é un lugar de información", explicou Parra. Ao fío, o concelleiro de Emprego enumerou algunha das iniciativas de consumo responsable que se teñen posto en marcha na cidade, como os mercados de produción ecolóxica ou as hortas urbanas, que demostran, dixo, "que existe na cidade un consumidor de conciencia e que busca máis razóns que a económica" á hora de mercar. "A feira é unha oportunidade para nós, pero tamén un lugar de pedagoxía e de aprendizaxe", apuntou.

A vicepresidenta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), Rocío Freire, quen tamén participou na presentación, indicou que das 202 iniciativas participantes, 64 son galegas. "Esta feira de biocultura ten unha ampla traxectoria e prestixio e é de gran interese para as empresas e productores galegos. Por iso no Craega nos implicamos para que poidese ter lugar en Galicia. 

Durante tres días, o recinto de Expocoruña ofrecerá máis de 150 actividades como degustacións e showcooking, obradoiros de ecoestética, mesas redondas, charlas e conferencias. Haberá ademáis actividades lúdicas para os nenos e as nenas -hortas ecolóxicas, reciclaxe, cociña...- e actuacións de música, teatro ou maxia na área denominada MamáTerra. O recinto terá unha zona de picnic no que disfrutar tanto da comida preparada en varios postos con produtos ecolóxicos como dos concertos, nos que actuarán os grupos Azougue, Dequenvessendo, AlóDjango e Fernando Barroso e Margarida Mariño. A Concellería de Medio Ambiente contará tamén cun espazo para divulgar as políticas ambientais municipiais e no que se realizarán actividades para os nenos e as nenas, tal e como relatou García.

A feira, que ten unha entrada xeral de 4 euros, está dirixida a un público amplo, tanto persoas consumidoras interesadas en todo tipo de produtos que siguen pautas ecólóxicas na súa produción, como para profesionais que queran profundar neste sector. Pódese consultar neste enlace toda a información de produtoras e así como a programación.

f_ coruna.gal