Sarria exalta o cocido de porco celta

O Cocido do Porco Celta da comarca de Sarria duplicará na edición deste ano o o número de comensais previstos até chegar a un milleiro de asistentes. Celebrarase o último fin de semana de xaneiro no campo da feira.

Logo do pregón, a cargo do exconselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, o xantar comezará ás 14:30 hora do sábado 27 de xanairo, e logo dos postres faranse os tradicionais nomeamentos de tixoleiros e cazoleiras do 2018. A festa continuará toda a tarde amenizada con música dos gaiteiros de Goián. Ao día seguinte, o domingo 28, distintos establecimentos e restaurantes de Sarria e de Samos ofrecerán un xantar a base de ovos fritidos con chourizos.

Os actos están organizados pola Asociación de Hostalaría e Turismo do Camiño de Santiago e conta coa colaboración da Asociación de Criadores de Porco Celta de Galicia (Asoporcel) e da empresa local Cárnicas Teijeiro.

A xornada gastronómica arredor da raza porcina autóctona, recuperada a partir da década dos 90, complétase coa segunda edición da Feira Internacional do porco e os seus produtos gastronómicos, que terá lugar tamén no recinto feiral de Sarria coindidindo coa X edición do Cocido do Porco Celta. Baixo o lema Comarca de Sarria, terra dos embutidos. Este mercado, organizado polo Concello de Sarria e a Academia Galega de Gastronomía coa axuda da Deputación Provincial, pretende destacar a longa tradición existente nos concellos desta comarca de elaboración de produtos cárnicos derivados do porco.