O xurado cualificador e o comité técnico asesor do concurso de ideas para a nova ponte peonil entre Tomiño e Vilanova de Cerveira visitará o próximo venres 19 ‘in situ' o treito do río no que se instalará o futuro viaduto. Así o manifestou o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez na que foi a primeira reunión de traballo celebrada na Deputación de Pontevedra, e na que se analizaron as 24 propostas admitidas no concurso de ideas.

Será na seguinte reunión oficial, o 1 de febreiro, cando se poñan todas as aportacións individuais en común, se pase a puntuar de xeito oficial cada proposta, e se faga unha criba que finalizará coas tres ideas gañadoras e unha en reserva.
Como xa se anunciara, os deseños presentados polos aspirantes son moi diferentes entre si: hai estruturas atirantadas, pontes colgantes, taboleiros simples instalados en pilares sobre o río, percorridos redondeados, rectos ou en zig-zag, de todo tipo de materiais, e cun obxectivo común: todos eles conforman miradoiros para gozar da paisaxe.