PN Serra da Enciña de Lastra |
O Diario Oficial de Galicia recolle dúas liñas de axudas da Consellería de Medio Ambiente orientadas a financiar investimentos non produtivos en zonas de Rede Natura e en parques naturais. Van dirixidos a Concellos, a asociacións ambientalistas e a persoas titulares de terreos agrícolas ou forestais que afronten investimentos de utilidade pública ou de carácter agroambiental. No caso das axudas a parques naturais, tamén poden optar as empresas con domicilio social nalgún dos concellos do parque.
Medio Ambiente destina a estas axudas nos anos 2018 e 2019 un total de 3,9 millóns de euros (2,5 para zonas de Rede Natura e 1,4 para parques naturais). Serán subvencionables ó 100% as accións aprobadas, cun tope de 12.000 euros por persoa ou asociación ambientalista, en tanto no caso dos concellos o límite é de 20.000 euros (Rede Natura) e 40.000 euros (parques naturais).
As actuacións son para accións dirixidas á mellora da paisaxe agraria: creación ou mellora de cercas, sebes, valos de pedra, vexetación dos lindes, mellora de carreiros, creación de rutas e áreas recreativas; recuperación de elementos patrimoniais ou culturais: hórreos, milladoiros, cabanas, valados, fontes e actuacións dirixidas á preservación de ecosistemas naturais ou seminaturais: restauración de zonas húmidas, preservación da vexetación de ribeira, recuperación de soutos, eliminación de especies exóticas. O prazo de solicitude remata o 15 de febreiro.