Ourense decántase polo termalismo deportivo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou en (Fitur) 2018 tres iniciativas "que rebelan o músculo e a fortaleza da provincia de Ourense como destino. Ourense, destino de turismo deportivo, a exposición "In tempore sueborum" e a campaña Trens turísticos 2018, "son accións que marcan a singularidade e o potencial da nosa provincia, que conxuga como poucos lugares no mundo a riqueza do seu patrimonio histórico-artístico, o seu medio natural e a práctica deportiva de alto nivel e de lecer, tanto a carón dos nosos ríos como no cumio de Galicia, en Cabeza de Manzaneda, única estación de montaña do noroeste peninsular, que vén de incorporar estes días os primeiros canóns de produción de neve, co apoio da Deputación de Ourense, que integra coa Xunta o seu consello de administración, potenciando o seu desenvolvemento e o de toda a súa contorna".

Ademais, o presidente da Deputación de Ourense asinou co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e co presidente de Renfe, Juan Alfaro, o convenio de colaboración de Termalismo Social entre as tres entidades, que ten como obxectivo ofertar servizos de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social baseado nas propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais, nos servizos médicos asociados e nas actividades socio-culturais que se prestan nas instalacións termais da provincia de Ourense. Este acordo posibilita que os interesados neste programa se poidan achegar á provincia de Ourense desde máis de 40 estacións de ferrocarril de toda España, xa que o billete de tren está contemplado no propio programa. Este é o primeiro ano que as estancias –de 6 días, tren incluído- comezan este mes de xaneiro e durarán ata decembro deste ano.

Manuel Baltar dixo que a "marca Ourense" "caracterízase pola singularidade das súas propostas, destacando que en 2018 "a provincia de Ourense será un referente como destino de turismo deportivo tanto no que atinxe a innovación das propostas, como á promoción, o impacto económico e o alcance dos eventos, algúns de carácter internacional e que permitirá a millóns de espectadores de todo o mundo coñecer a beleza da nosa provincia".

Neste sentido, referiuse á etapa da "Vuelta" 2018, que se disputará o 5 de setembro e que terá como meta o concello ourensán de Luíntra, na Ribeira Sacra, territorio polo que Manuel Baltar liderou a iniciativa para que sexa distinguido como Patrimonio Mundial da Unesco. Un evento, La Vuelta, que ten unha cobertura en 188 países, con 70 horas de directo en sinal internacional, 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados e unha media de 1,5 millóns de telespectadores.

Asemade, nesta proposta de Ourense como escenario deportivo destaca o Rally de Ourense, a proba máis valorada desta disciplina automobilística. Neste ámbito, a Deputación de Ourense por medio do Inorde, e coa súa marca "Ourense, a provincial termal", patrocinará en 2018 ao piloto ourensán de rallys do equipo oficial Suzuki, Javier Pardo, quen xunto ao seu compañeiro Joan Vinyes disputará 11 probas do Campionato de España de Rallys de Asfalto e 7 probas do Campionato de España de Rallys de Terra.

A estas propostas no ámbito deportivo únense o Campionato de España Escolar de Ciclismo, que se disputará en xullo en Baños de Molgas; a proba ciclista "Ourense Strade Termal", que reunirá en abril no Xurés a 500 deportistas; os campionatos de España de Remoergómetro e Remo de Larga Distancia, que terán lugar en Ribadavia e Castrelo de Miño neste mes de xaneiro; proba de resistencia deportiva "Gladiator Race", que se disputará en setembro na contorna do Complexo O Corgo de Muíños, e os campionatos de España de Baile Deportivo e o 1º Congreso Internacional de Baile, que terán lugar en Ourense no mes de xuño.

Ademais, no que atinxe a deporte de elite e alto rendemento, Manuel Baltar subliñou que a provincia de Ourense "continuará en 2018 sendo un referente internacional no ámbito do remo, coa previsión de contar no Centro de Adestramento de Remo de Laias co máis de 1.100 deportistas e 19.000 estancias".