Operativo o renovado Mercado de Moeche

O pasada semana a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, participou na inauguración do novo Mercado de Moeche, un espazo renovado para a comercialización dos produtos locais de calidade. Este espazo de emprendemento contou co financiamento a través do Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña.

O concello de Moeche inaugurou este novo espazo de emprendemento comercial que contou coa achega propia a través do Plan Único de Concellos da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta. Co financiamento da Deputación, o concello xestionou non só a habilitación do espazo que se inaugura senón tamén o acondicionamento da súa contorna como primeira fase da modernización e mellora do conxunto feiral.

De saída, terá perioricidade semanal e estará aberto os sábados de 10 a 14 horas coa participación de oito postos que comercializarán alimentos frescos fundamentalmente aínda que tamén se desenvolverán actividades como degustacións, espectáculos ou mostras de artesanía.

Verduras e legumes, queixos e lácteos, pan e doces e embutidos son os produtos locais que se comezan a comercializar neste espazo que contará tamén cun posto de peixe, outro de flores e agasallos e outro de artesanía.

Goretti Sanmartín desexou que o futuro do novo mercado sexa próspero e que contribúa a servir de canle para a comercialización de produtores e produtoras da concello. Pola súa parte, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy fixo fincapé na importancia das feiras para os produtos locais e agradeceu a colaboración institucional para que a de Moeche se converta nun centro de comercialización da comarca.