O restaurante O Cruce faise con 5 bois de 800 quilos

O restaurante O Cruce, en Vilatuxe (Lalín), adquiriu cinco bois de raza Rubia Galega por un importe global de algo máis de 40.000 euros. Os animais, cun peso medio de 800 quilos canal, chegando algún aos 831 quilos, foron sacrificados no matadoiro de Bandeira, en Silleda. O prezo medio por boi roldou os 8.000 euros.

“Pepe Cochón, de Frigoríficos Bandeira, avisoume de que tiña localizados varios exemplares excepcionais, e convidoume a ir con el a compralos directamente, a dúas gandarías de Cerceda e de Arteixo”, explica Alberto Canda, propietario deste restaurante lalinense.

Unha vez sacrificados a carne dos bois permanecerá un mínimo de 45 días en maceración en cámara para acadar o seu punto óptimo de consumo. “Trátase de animais cunha carne única, con graxa infiltrada e que teñen unha media de idade de 7 anos. Foron alimentados a varre de forraxes e de moita fariña de millo, sen estrés”, destaca Alberto Canda.

Desta forma, a partir de marzo poderase degustar en Mesón O Cruce a carne destes bois. O prezo medio dos chuletóns situarase entre os 80 e os 90 euros o quilo. Tamén se poderán degustar os costillares e solombos á prancha, a croca ou a carne en hamburguesas. Como novidade, van elaborar cecina destes bois, que sairá á venda dentro dun ano e medio, segundo publica Campogalego.com