O Barco exalta o botelo na Coruña

A quinta Festa do Botelo na cidade da Coruña celebrarase este sábado, día 3 de febreiro. O lugar desta nova edición será o restaurante Mirador de San Pedro ao igual que nas catro celebracións anteriores. 

O Concello do Barco de Valdeorras está organizando esta nova festa do Botelo na capital herculina para continuar coa difusión do produto rei do inverno valdeorrés. O botelo, é dicir, o estómago do porco recheo de costelas adubadas, afumado e que se consume cocido, que está acadando un gran recoñecemento e difusión fóra das terras valdeorresas. 

A festa comezará ás 13:00 horas coa recepción dos comensais e a continuación a comida na que os entrantes serán a tradicional sopa do cocido e a típica empanada de maravallas. O prato principal terá ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e verdura. 

Para a sobremesa haberá bica e a torta de roxóns, ademais dun grupo musical para amenizar a tarde. Para acompañar a comida do botelo estarán os viños da DO Valdeorras. O xantar custa 30 € por persoa e as reservas xa se poden facer mediante o pago nun número de conta que o restaurante ten aberto. 

Aqueles que vaian en grupo deberían especificar o nome do grupo ao que pertencen para poder organizar as mesas. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014 celebrou o pasado día 20 de xaneiro a súa décimo oitava edición na vila do Barco. Agora continúa a súa promoción fóra das terras valdeorresas e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando outra en Vigo na súa IV edición para o día 3 de marzo.