
A Festa do Botelo do Barco celebrarase o fin de semana do 20 e 21 de xaneiro e tal e como explicou o alcalde, Alfredo García: “ampliamos a toda a fin de semana a actividade porque queremos que a xente nos visite e deguste o botelo nos restaurantes da vila, non só o día da comida institucional do día 20 no pavillón de Calabagueiros”.
Na presentación do cartel xa foron adiantando algunhas das novidades deste ano no referente á compra de entradas para a asistir á comida no pavillón de Calabagueiros o día 20 de xaneiro. Como primeira novidade explicaron que se cambia a venda de entradas á fin de semana anterior á festa e non se fará nun luns como viña sendo habitual ultimamente.
A venda farase o sábado, día 13 de xaneiro, en horario de tarde aínda sen especificar. “Así poderán comprar entradas a xente que pola semana traballa” explicou a concelleira Margarida Pizcueta, quen tamén indicou que se cambia o lugar de venda das entradas do Teatro Lauro Olmo ao terceiro andar da Casa do Concello do Barco.
E por último tamén se anunciou que as 1150 entradas que se porán á venda subirán de prezo e custarán 18 euros cada unha e que cada comprador só poderá adquirir como máximo 10 entradas. A concelleira, Margarida Pizcueta, indicou que o resto do programa farase público o próximo día 9 de xaneiro.